IniciosociedadeProdutores de Mondoñedo, Lourenzá e Trabada únense para crear a marca Faba...

Produtores de Mondoñedo, Lourenzá e Trabada únense para crear a marca Faba Verdina de Galicia

O Concello mindoniense apoia a solicitude de rexistro dunha especie que se dá na Mariña "debido á idoneidade do solo e da climatoloxía"

Publicada o

- Advertisement -

O consistorio de Mondoñedo acolleu este venres a presentación da marca Faba Verdina de Galicia, que nace para amparar a un colectivo de produtores do municipio mindoniense e máis dos de Trabada e Lourenzá.

A alcaldesa en funcións de Mondoñedo, a popular Elena Candia, presidiu o acto de presentación da marca, no que estivo acompañada por Alfonso Cartoy, produtor de faba e impulsor do proxecto, e Zoila Gulín, asesora en Propiedade Industrial.

A marca Faba Verdina de Galicia nace coa fin de garantir a orixe galega do produto e a profesionalidade dos produtores, e conta no seu nacemento co apoio e xestión do Concello de Mondoñedo, que busca deste xeito impulsar o sector primario do municipio e da Mariña Lucense.

Os promotores do proxecto veñen de rexistrar a marca para España, que prevén sexa concedida proximamente. Protexe dúas clases de produto: faba verdina fresca e seca.

A marca conta cun regulamento no que se establecen aspectos como os obxectivos da marca ou os requisitos para obter a licenza de uso, entre outros. Así, ampara produtores dos tres concellos citados, que concentran a maior parte da produción galega profesional da faba verdina.

UNTUOSA E IDEAL PARA O MARISCO

Dentro de Galicia, A Mariña é unha zona de referencia na produción deste tipo de fabas, debido á idoneidade do solo e a climatoloxía.

A produción iníciase nos meses de abril/maio e chegan ao mercado no outono, onde son moi apreciadas polas súas características -tamaño, cor, untuosidade-, moi empregadas para pratos de culler e habitualmente acompañadas de marisco, polo que tamén reciben o nome de ‘fabas de marisco’.

Faba verdina. AXM

Segundo expoñen os impulsores da marca, “é un produto moi apreciado e que en Galicia acada un altísimo nivel de calidade no mercado nacional identificándoo expresamente como procedente de Galicia, o que contribúe a revalorizar o traballo dos produtores e facilita as actividades de promoción da faba verdina”.

CINCO TONELADAS ANUAIS

A faba seca en Galicia move preto de 1.400 toneladas que se reparten case a partes iguais entre as provincias da Coruña e Lugo. Cada unha delas conta con arredor de 35 hectáreas dedicadas a este cultivo. A produción da marca Verdina de Galicia estímase que poida alcanzar por enriba das cinco toneladas nos seus inicios. Inicialmente todos os produtores serán da Mariña.

FORMATOS DE VENTA

A faba verdina vaise comercializar en formatos de consumo de medio quilo e dun quilo dirixidos ás familias. Tamén se venderá en formato granel de 25 quilos debidamente identificado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...